Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Malpica acondiciona o acceso ó Rego da Xareira na parroquia de Cerqueda


• Realizáronse traballos de limpeza de cunetas, recheo de fochancas con zahorra compactada e rehabilitouse o acceso a un depósito de auga contra lumes.

O Concello de Malpica executou obras de mellora en varios camiños do entorno do Rego da Xareira, na parroquia de Cerqueda. Con esta intervención mellorouse o acceso a un depósito de auga da zona habilitado para a loita contra incendios forestais.

Entre os traballos que se realizaron estivo a renovación do firme, que presentaba numerosas fochancas e deterioro polo uso e o paso do tempo. Cubriuse o desnivel do terreo e estendeuse unha nova capa de zahorra compactada, ademais de limpar as cunetas e as marxes dos camiños.

Desde o goberno local destacaron a importancia da actuación de cara “a conservación da rede de camiños e vías municipais, incrementando neste caso tanto as condicións de accesibilidade para a veciñanza como para os equipos de extinción de lumes”.